Monday 29 de April de 2024

Feijóo destaca a educación en igualdade de oportunidades como piar imprescindible para un rural no que vivir e crecer


Asegura que a Xunta seguirá apostando por un sistema educativo con máis plurilingüismo, con máis libros dixitais e “que ofreza máis servizos”, di, referíndose a aposta pola potenciación dos comedores escolares e do transporte escolar

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a educación en igualdade de oportunidades como piar imprescindible para un rural no que vivir e no que crecer.

Durante unha visita esta mañá ao Centro Público Integrado Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, Feijóo aseverou que a Administración galega seguirá apostando por un sistema educativo con máis plurilingüismo; con máis libros dixitais -Galicia conta este ano con 551 centros educativos en E-dixgal, 81 máis que o pasado ano-; e con máis servizos.

Sobre este último punto, referiuse á aposta pola potenciación dos comedores escolares, cun incremento das partidas para todos os programas: comedores de xestión propia (48,2M€), dos concellos (0,7M€) e axudas a Anpas (1,2M€). E ao transporte escolar, sendo Galicia a comunidade que máis orzamento destina a este servizo, con 85.531 alumnos beneficiarios de 773 centros públicos.

Ao longo da visita, o titular do Executivo autonómico referiuse ao CPI Virxe da Cela como un centro de referencia pola súa implicación nas diferentes iniciativas impulsadas desde a Consellería e que abarcan eidos como a innovación, a sostibilidade, a convivencia, o voluntariado ou a vida saudable. Neste sentido lembrou que o centro participa, por exemplo en programas como CPinnova e CPinclúe; Monfero Solidario -premio galego de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global-; Somos paisaxe, somos vida; ou Centros activos e saudables.

Feijóo concluíu poñendo en valor o traballo diario dos docentes que fai posible que os alumnos deste CPI teñan as mesmas oportunidades que os estudantes dos situados en núcleos de poboación de maior tamaño.